ENCRUCILLADA. Revista galega de pensamento cristián. Trátase dunha publicación que desde o 27 de febreiro de 1977 aparece ininterrompida e puntualmente cada dous meses en volumes de cen a cento vinte páxinas como media. Editada inicialmente por SEPT, actualmente conta con total autonomía de edición, e a súa redacción e administración, antes en Ferrol, está hoxe localizada en Pontevedra. Desde o inicio da súa andaina está dirixida polo teólogo e académico Andrés Torres Queiruga, profesor da Universidade de Compostela. O seu Consello de Redacción, moi renovado ó longo dos vintenove anos de existencia, estivo e está composto por persoas procedentes de tódolos lugares de Galicia que prestan con total altruísmo o seu esforzo e o seu saber. Os responsables da publicación sempre quixeron manter a súa independencia, tanto económica como intelectual, de calquera organización, incluída a Igrexa, da que, polo mesmo, non pretende ser voceiro nin instancia laudatoria. Isto non implica que os máis dos compoñentes do Consello de Redacción non se sintan integrantes críticos da mesma e non pretendan explicitamente contribuír ao seu madurecemento progresivo na busca de máis fidelidade á súa misión nestes tempos que vivimos e no compromiso con Galicia. A pobreza de medios e de recursos derivada desta independencia compénsase sobradamente coa liberdade de criterio en todo canto se publica. Na actualidade ENCRUCILLADA conta con 1.500 suscritores, dos que moitos mantéñense desde o inicio.

Esta revista tivo unha xestación que se alongou desde os primeiros esbozos, no ano 1966, ata que foi posible a publicación do primeiro número en febreiro de 1977. No seu berce estaban as inquedanzas provocadas polo Concilio Vaticano II entre membros do clero que se reunían a miúdo en asembleas coñecidas como Coloquios europeos de parroquias, polo que eran coñecidos como “os europeos”, aínda que axiña deixarían de ser tales para se converter en plataforma de encontro entre clero e laicado preocupados pola identidade galega da súa reflexión relixiosa. Nese ámbito facíase preciso un instrumento de pensamento e de intercomunicación que foi o xérmolo da revista que recibiría o nome de ENCRUCILLADA polo resplandecente simbolismo que tal denominación connotaba naqueles tempos de tanta turbulencia nos cambios culturais e socio-políticos que se estaban a producir. O produto foi unha publicación galega, non só polo idioma empregado senón polos contidos, polo estilo e polo espírito de encarnación na realidade de Galicia.

Na declaración de intencións expostas no primeiro número da revista constaba o seguinte, en palabras do propio director: ser punto de encontro reflexivo, lugar de comuñón de experiencias para todos aqueles que comparten a nosa mesma fe, aínda que poidan ser diversos e plurais na súa interpretación reflexa, que iso é a teoloxía. E quere ser unha man tendida ao diálogo con aqueles que, sen compartir a nosa fe, se moven por idénticas arelas: servir a Galicia e servir ó ser humano de Galicia.

Como consecuencia deste esforzo de diálogo desde a fe cristiá co mundo da cultura, os temas tratados e publicados na revista non se reduciron ó ámbito propiamente teolóxico senón que as inquedanzas culturais, sociais, políticas e mesmo económicas quedaron reflectidas nas súas páxinas. De feito, nunca foi problema acudir ós expertos en cada materia, independentemente das súas crenzas ou ideoloxías políticas, e isto tivo como resultado que as preto de dúas mil colaboracións asinadas por máis de 500 autores distintos constitúen hoxe unha fonte relevante para quen busque o coñecemento deste longo período da nosa historia recente. Actualmente, sen que a revista deixara a tentativa de diálogo que lle deu orixe, está, sen embargo, máis especializada nos temas propiamente relixiosos, tendo en conta que xa existen outras publicacións galegas que enfocan perspectivas diferentes. Malia todo, na configuración de cada número, aparte dos espazos adicados a estudios, xanela bíblica, experiencias, etc., mantense un espazo importante para as chamadas Roldas ou Crónicas onde se dá conta da realidade eclesial, política e cultural de Galicia. Seguramente débeselle a ENCRUCILLADA o ter xa constituído un pensamento teolóxico netamente galego, e centrado nesta terra, que non renuncia a subliñar, con liberdade crítica, unha das dimensións do ser humano como é a da transcendencia. Moito máis neste momento no que a fogueira do Vaticano II foi esmorecendo nunha tentativa sostida de silenciar a creatividade teolóxica. Tampouco renuncia ó diálogo cultural, por máis que se perciba, entre a cultura relixiosa e a secular, un progresivo distanciamento asentado nun cativo recoñecemento mutuo que cómpre ir superando sen renunciar á esperanza.

Pontevedra Agosto 2006.